20 de agosto de 2019

HISTORIA DA ARTE

A mediados do mes de xullo desbordábanse as augas. Este fenómeno estaba precedido polas crecidas do Nilo Branco, tinguido de verde polos papiros que a auga arrastraba ao seu paso polas grandes extensións cenagosas. A esta etapa sucedíalle outra, na que a auga se arroibaba debido aos aluvións ferruginosos. Tras a retirada das augas, a terra quedaba fertilizada pola acumulación de depósitos de limo.

Probablemente, foi a observación destes cambios cromáticos das augas do río, a que permitiu establecer as primeiras significacións da cor na pintura exipcia.
Así, o verde era expresión de esperanza de vida, a cor do papiro tenro que tinguía as augas do río antes das inundacións. Era a cor que anunciaba o renacemento da vexetación, a mocidade. Por iso Osiris, o deus dos mortos, seguindo esta simboloxía, representábase en verde.
O negro simboliza a terra negra, xenerosa e portadora do limo nutritivo, era o kemy, a morte, polo que era a cor da conservación inmutable e da volta á vida despois da morte. O vermello era a cor do mal, da terra desértica e estéril. Os animais representados con esta cor (asnos, cans) considerábanse demos daniños. Ademais, as palabras que traían malos presaxios escribíanse en tinta vermella. Por iso Seth, o irmán fratricida de Osiris, representábase en vermello. O vermello intenso podía simbolizar tamén o sangue e a vida.
O branco é sinónimo da luz da alba, sinal de triunfo e alegría. Esta cor aplicábase á coroa do Alto Exipto (sur do país) e representábase como unha coroa alta sobre as tempas, coa forma da flor branca do loto.
O amarelo intenso era a eternidade, a carne dos deuses que non perecía; de aí a profusión de ouro aplicado ás artes e a todo tipo de soporte.
O azul, diferenciado en dúas tonalidades, variaba de significado. A máis escura, a do lapislázuli, simbolizaba o cabelo das divindades. O azul turquesa era a auga purificadora, a cor do mar e a promesa dunha existencia nova.

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Nota: só un membro deste blog pode publicar comentarios.