7 de xaneiro de 2022

7 de xaneiro

Estamos a 7 de xaneiro. Os días 5 e 6 estiveron inestables, pero sen queixa, parece que o clima de maio e xuño non estará mal. 

Veremos o que acontece hoxe, que estaríamos a referirnos ao mes de xullo. (Si, estamos a falar das sortes que comentamos o día un).

Nun día coma hoxe, pero dun lonxano 1355 morría Inés de Castro. Se non sabes quen era, proba a buscar algo sobre ela.

En 1914 a canle de Panamá foi cruzada por primeira vez en barco, aínda que a inauguración oficial retrasouse ata o 15 de agosto.

E estes días que temos?

Hoxe retomamos en Palaestra as clases de xadrez para socios no Sporting Club Casino. As clases dos venres mantense de 17,30 a 18,30 e a dos sábados de 12,00 a 14,00

Pero ademais hoxe iniciamos unha actividade nova; o Club de Xogos de Mesa (de aí a ilustración desta noticia) Será no Centro Comercial Los Rosales ás 19,00 horas. 

6 de xaneiro de 2022

c5?

Do concurso de relatos de AGAX

C5?

-Cabalo e7,...,non, mellor Cabalo f6

Xurxo axustouse as luvas de látex e a máscara, virou o  pomo da porta da súa casa e saíu ás escaleiras. 

Era verán, o 15 de Agosto de 2020 e a corentena había vinte días que quedara atrás, pero non había que confiarse, o virus podía estar en todas partes porque non entendía de calendarios, no interruptor da luz, no ascensor, en todas partes...

Baixou andando e unha vez no portal abriuno coidadosamente co cóbado, tal e como lle ensinara o seu pai e saíu á rúa. Os raios de sol cegárono levemente pero a calor e a luz eran reconfortantes despois de tantos meses entre catro paredes.

-Cabalo f6, é mellor deixar o cabalo defendendo un posible enroque curto.

Os seus pensamentos estaban enfocados nun único obxectivo, derrotar por fin a Dani e converterse por primeira vez no taboleiro número un do seu colexio, o María Barbeito. A corentena atrasara o momento, pero a hora chegara. Por fin acabaríanse as risas e a broma. Desde que catro anos antes inscribísense nas clases de xadrez, Xurxo xamais derrotara a Dani en partida oficial. Si, gañáralle algunha partida amigable, pero sen nada importante en xogo. Nos torneos, e á hora da verdade, o seu compañeiro de clase sempre se impuña.

- Até logo Xurxo - Xurxo saudou cunha leve inclinación de cabeza á súa veciña do 5º cando se cruzaron na beirarrúa. Nunca lle caera ben, e ademais non podía permitirse o luxo de perder a concentración. 

Dani sempre abría con e4, el respondíalle con e5, entraban en posicións da apertura italiana e seis ou sete xogadas despois e, non sabía moi ben como, xa tiña dous ou tres peóns de menos e iso púñao nervioso.  A Xurxo gustáballe xogar con material de máis, maldita sexa, e a quen non...

Xurxo cruzou polo paso de peóns principal de rua Mosteiro de Caaveiro e con paso firme continuou a marcha até o seu colexio.

-A ver que cara pos cando mova o peón a c5...

Xurxo sorriu. Preparara a conciencia a defensa siciliana grazas a uns vídeos tutoriales de YouTube. E non unha liña calquera, a variante Najdorf, a favorita do seu ídolo, Kasparov. Dani prefería a Carlsen, pero na humilde opinión de Xurxo, Garry tiña algo que lle faltaba ao noruegués, aínda que non sabía explicar moi ben o que. Uns anos mais tarde atoparía a palabra que buscaba, carisma,  pero tiña 12 anos, non 16...

Claro que Dani podía empezar con d4 e nese caso...

O coche golpeouno practicamente á altura da cadeira e arroxouno cinco metros cara atrás. Xurxo sentiu un estalido vermello brillante cando a súa cabeza impactou contra o asfalto quente. O último que escoitou foron os berros desesperados da súa veciña do 5º pedindo axuda, esa que lle caía mal...

Xurxo esquecera a regra de ouro de calquera xadrecista, nunca perdas de vista as ameazas reais.

A pouca distancia, o semáforo que se acababa de saltar, pasou da cor vermella ao verde.

-Mal...dito Dani..., outra vez vaise... librar...- pensou Xurxo antes de desvanecerse.

FIN

5 de xaneiro de 2022

5 de xaneiro

O día 4 de xaneiro xa veu mais mollado, así que de se cumprir o das sortes teríamos o primeiro mes pasado por auga. Será por manter o de en abril augas mil.

Hoxe é a Noite de Reis, un dos reis chamase Gaspar, o nome que lle puxeron a Jovellanos, nado neste día de 1744. 

O grande Isaac Díaz Pardo hai hoxe dez anos que nos deixou.

Polo que respecta ás nosas actividades, hoxe temos de novo xadrez no Centro Comercial Los Rosales.

Adestramentos gratuitos e libres de 17,00 a 19,00 e posteriormente un torneo de partidas a 5 minutos.


4 de xaneiro de 2022

4 de xaneiro

Seguindo co das sortes das que falamos estes días, hoxe polo menos na Coruña houbo unha boa mañá e logo pola tarde caeu moi esporadicamente algo de choiva... asi que parece que teremos bo tempo xaneiro, febreiro e marzo.

Tal día como hoxe, pero de 1882, aparecía o primeiro número do xornal La Voz de Galicia.

No 1929 as dúas Fundacións Rockefeller fúndense nunha, que se converte na organización filantrópica máis poderosa do mundo, 64 anos mais tarde ten lugar a xuntanza fundacional da asociación de Iniciativas Culturais e Deportivas Universitarias (INCUDE), creada nesta data pero en 1993.

Por certo que se gostas de concursos literarios de contos curtos, visita a súa web, porque este ano teñen pensado facer varias cousas. incude.udc.es

3 de xaneiro de 2022

3 de xaneiro

Sortes. 
Lembrando o comentado hai dous días sobre as chamadas sortes, de facerlles caso parece que xaneiro e febreiro van ser quentes. Hoxe é día 3 así que o tempo marcaría o que pase en marzo.

Nesta data, pero noutros anos aconteceron algúns sucesos que podemos lembrar. No 1496 acontece un deses feitos que aparece reproducido moitas veces; Leonardo dá Vinci proba por vez primeira a súa máquina voadora. 

Cumprirían anos Ciceron e Tolkien e tamén os cumpre unha empresa. En 1977 constitúese Apple Computers Inc.

Se queres ver mais efemérides do día lembra que temos o espazo www.palaestra.info lembrando os sucesos de interese de cada día.

E por outra banda... que imos facer de xadrez esta semana?

Iso o podes ver na nosa web principal www.palaestra.net, pero imos tener actividades no Centro Comercial Los Rosales varios días desta semana.

1 de xaneiro de 2022

1 DE XANEIRO

Aninovo

En moitas partes de Galicia crese que os primeiros días do ano indican como será o resto do ano. As sortes son os primeiros doce días do mes de xaneiro e prognostican que vai acontecer durante cada mes do ano. Así, o tempo que fai o día 1 será o tempo que fará en xaneiro, o do día 2 corresponderá a febreiro, etc. 
As resortes son os doce días seguintes, do 13 ao 24, e serven para ratificar ou contradicir ó prognóstico que anunciaron as sortes. Hai quen di que hai que fiarse máis do que din as resortes.


Algunhas cousas que pasaron nesta data pero noutros anos:

No 404 en Roma tivo lugar a última competición coñecida entre gladiadores. Tamen de xogos, pero menos cruentos en 1996 tivo lugar o primeiro Torneo de Aninovo de Xadrez, xerme das Xornadas Lúdicas de Nadal de Palaestra.

Moitos galegos pasaron por un centro que abriuse en 1892; o de Ellis Island, o máis famoso centro de inmigración dos Estados Unidos. Tan só 7 anos despois, en 1899, España entregou outro destino habitual dos emigrantes galegos, a illa de Cuba, a Estados Unidos, que alí mandaron durante tres anos Sesenta anos mais tarde, nesta mesma data, empezou o goberno de Fidel Castro.

Como curiosidade bélica nesta mesma data en 1944 Erwin Rommel foi nomeado subcomandante en xefe do grupo de exércitos en Francia e Franco negouse a recoñecer a república fascista de Salò, constituída por Mussolini (os amigos cando están en horas baixas deixan de ser amigos).

~ ~ ~ ~ ~
Vivir na terra é caro, pero iso inclúe unha viaxe gratis ao redor do sol todos os anos.
~ ~ ~ ~ ~