7 de maio de 2015

Aforismos de Leonardo

187.- O bo xuízo nace da boa intelixencia e a boa intelixencia deriva da razón, sacada das boas regras; e as boas regras son fillas da boa experiencia: nai común de todas as ciencias e as artes. 

6 de maio de 2015

Fragmento de O Capitán Lobo Negro, de Xesús Manuel Valcárcel,

A voltas polo fondo dunha inmensa tristura, dunha nostalxia insuperable, unicamente pensaba en volver. Non podía arredar do pensamento os prados nos que me criara, a luz ancha dos vales, os camiños e os amigos perdidos. En realidade, os meus verdadeiros pais foran os meus avós maternos, con quen me criara, porque os meus pais biolóxicos, por circunstancias que non son aquí do caso, abandonáranme nada máis nacer. Só algo despois de cumprir os oito anos, o día no que empeza esta historia, se aviñeran a facerse cargo de min. Ou así o pretenderon.
...

5 de maio de 2015

Sabedoría

A sabedoría suprema é ter grandes proxectos do tamaño suficiente como para non perdelos de vista mentres se perseguen.

William Faulkner

(DGM)

4 de maio de 2015

Aristóteles

Non hai que prestar atención a quen nos aconsella, so pretexto de que somos homes, non pensar máis que nas cousas humanas e, so pretexto de que somos mortais, renunciar ás cousas inmortais.

Aristóteles 

3 de maio de 2015

JOÁN SERVANDO

JOÁN SERVANDO [B 1075 / V 665]

De quant'hoj'eu no mundo temía
d'infançón, que non ha sén, del avén,
ca lhi pedí os panos que tragía,
e disse-m'el o que teve por ben:
ca os quería trager a seu sén
e, pois, na cima, que mi os non daría.

E, pois-lo vi nos panos perfiado,
entón puinhei máis en lhos pedir;
e disse-m'el: «Muito foi én pagado,
ide-vos alhur, e quando vos ar vir,
querrei os panos ante vós cobrir,
que sejades deles ben segurado».

E por én seerei ja sempre do seu lado,
per como m'ele os panos mandou,
u me partía del, desconfortado;
foi-me chamar, e des u me chamou:
«Joán Servando, pero m'assí'stou,
non vos darei os panos a meu grado».

2 de maio de 2015

Fragmento de Ruído. Relatos de Guerra, de Miguelanxo Murado.

Miguel-Anxo Murado López naceu en Lugo o 2 de maio de 1965, escritor, periodista e guionista español.


FOGO AMIGO

Estabamos nunha cafetería de Zágreb, tomando unhas cervexas cando vimos entrar un grupo de soldados da ZNG con aspecto abatido. Un deles falaba inglés e convidounos a sentar con eles. Era un técnico informático que agora estaba na fronte en Novska. El e os seus compañeiros viñan de desertar do seu posto. Esa mañá, a propia artillería os bombardeara. Mataran dous dos seus.
—Vimnos protestar diante do Comando Xeral. Isto non pode seguir así. É un desastre.
Logo deu un grolo á súa augardente e máis tranquilo engadiu:
—¿Sabe como lle chaman os americanos a isto? Fogo amigo. Fogo amigo. Quen inventa o vocabulario das guerras polo menos ten sentido do humor.
...

1 de maio de 2015

Frases de Pratchett

O vudú é unha relixión moi interesante para toda a familia, mesmo para os membros que están mortos.