Andrés Gaos Berea, nado na Coruña o 21 de marzo de 1874 e finado en Mar del Plata o 13 de marzo de 1959, foi un profesor de música, violinista e compositor galego-arxentino.
Andrés Gaos amosou aptitudes musicais xa de rapaz. En 1884 ingresou nun Centro Musical da Coruña. Posteriormente conseguiu unha bolsa da Deputación da Coruña e trasladouse a Madrid para continuar os seus estudos no Conservatorio. (1885-89) De regreso á Galicia conseguiu unha nova bolsa para realizar estudos en Bruxelas (1891-93). En 1893 viaxou a Cuba, en 1894 a México e en 1895 a Arxentina, e dedicouse a dar clases de música en Buenos Aires e Montevideo. En 1896 casou coa cantante América Montenegro, coa que tivo cinco fillos, e dende 1898 fixaron a súa residencia principal en Buenos Aires. En 1917 divorciáronse e Andrés casou con Luisa Guillochon (alumna súa), coa que tivo tres fillos, familia coa que se instalou en Gans, Francia, entre 1925 e 1933.
A súa actividade, a partir de 1933, desenvolveuse fundamentalmente na Arxentina, aínda que en ocasións visitou a súa cidade natal. Contra 1899 publicou obras para canto e piano e unha habanera para violín e piano. Entre 1912 e 1916 compuxo un bo número de cancións, unha das cales foi premiada pola Asociación Wagneriana de Buenos Aires. En 1916 obtivo un premio en Tucumán pola música e letra do himno oficial do Centenario da Independencia Arxentina. En 1917 compuxo Elegía para piano e violín, dedicada a Pau Casals que nunca a interpretou.
Como compositor, destacan obras como a Sinfonía nº 2 En las montañas de Galicia, Crepúsculo en la Alhambra, Aires gallegos, Impresión nocturna, Miniaturas, Tormenta, Marcha fúnebre, Sonata opus 37, a xota para piano Lieder e a ópera Amor vedado, Allegro para Violín e Orquestra, Opus 24 (Buenos Aires: 1904) Sinfonía en la menor (Buenos Aires: 1904), Humoresca para violonchelo e piano (Buenos Aires: 1904), Romanza para Violino e Piano, Impresión Nocturna. Ademais, dirixiu en tres ocasións orquestras sinfónicas en Buenos Aires e París.
Algunhas destas obras están gravadas en disco pola Orquestra Sinfónica de Galicia, baixo a dirección de Víctor Pablo Pérez, quen ten estreado a práctica totalidade da obra orquestral e lírica de Andrés Gaos.
Ningún comentario:
Publicar un comentario
Nota: só un membro deste blog pode publicar comentarios.