29 de xaneiro de 2018

Aliñación do ano 1909.

Na Coruña o Teatro Principal pasou a chamarse Rosalía de Castro e naceu Rodrigo García Vizoso, destacado deportivista. O Club crea o equipo infantil, que desaparecería seis anos máis tarde sen coñecer a derrota.  Ademais coa concesión do título de Real e a entidade pasa a denominarse Real Club Deportivo de la Sala Calvet. Durante un tempo usouse a coroa como único símbolo.

Os dous principais equipos coruñeses, Coruña e Deportivo, traballaron na construción dos seus campos de xogo, adiantándose os do Coruña por uns días. O Campo de Eirís foi inaugurado o 9 de maio e os deportivistas anunciaron para o domingo 18 de maio a apertura de Riazor, que foi unha cidade deportiva moi moderna para a época, situada onde actualmente se atopa o Colexio das Escravas. A situación era magnífica e foi unha das causas de que o Deportivo aos poucos se convertese no equipo da maioría da cidade, ensombrecendo ao seu rival local.

Hai que dicir que pouco tardou en producirse a primeira intervención policial no campo; o 14 de xullo nun partido de rivalidade local. Este suceso acelerou os contactos para crear a Federación Galega.

No Deportivo houbo problemas internos  na directiva, e a pesar de que en boa medida o novo campo logrouse grazas ao esforzo de Fernández Amor, nunha das xuntanzas acordouse iniciar o proceso para independizar ao Club da Sala Calvet. E así desta época temos o primeiro documento oficial no que aparece o nome de Real Club Deportivo sen engadir a Sala Calvet, a pesar de que o cambio legal aínda tardará.

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Nota: só un membro deste blog pode publicar comentarios.