Construído por Imhotep para albergar a tumba de faraón Djoser -fundador do III dinastía- este gran recinto funerario acollía nun só conxunto todos os edificios e salas necesarios para celebrar os rituais que tiñan lugar para continuar a vida máis aló da morte.
Trátase da primeira vez en que a idea de vida eterna atopa tradución arquitectónica.
Así, moitas das solucións adoptadas serviron de modelo para as construcións funerarias posteriores. O rei Djoser conseguiu imporse sobre o clero e organizar unha política centralizada, de carácter absolutista, sobre todo o territorio exipcio. Impuxo a adopción do culto ao Sol, Ra, con superioridade total sobre os demais deuses. A divinización do monarca transformouse. O rei xa non era fillo ou representante do deus, senón parte da mesma divindade.
O conxunto arquitectónico é un recinto rectangular, rodeado por un perímetro de muralla de dous quilómetros. Encerra no seu interior unha pirámide graduada xunto a outras edificacións que acollían as salas cerimoniais e os almacéns, así como un conxunto de tumbas. A muralla, de dez metros de altura, presenta en todo o seu percorrido acanaladuras verticais de ángulos rectos, que son a transcrición en pedra calcaria dos muros realizados con ladrillos de adobe de épocas anteriores. Ten catorce portas falsas e unha única verdadeira, de pequenas dimensións. A través dela accédese a un corredor estreito, pasadizo procesional, polo que se penetra nunha sala cuberta, que consta de tres naves separadas por columnas acanaladas.
As columnas transcriben en pedra canas que constituían os soportes nas construcións predinásticas. A nave central é máis elevada que as laterais, o que permite a abertura de pequenos vans para a entrada de luz natural. Nas naves laterais as columnas están encostadas á parede, xa que nas primeiras construcións os exipcios non adoptaron as posibilidades da sustentación libre. Por ese motivo as columnas teñen unha función simbólica e non tectónica.
Ningún comentario:
Publicar un comentario
Nota: só un membro deste blog pode publicar comentarios.