A partir da III dinastía construíuse a necrópole de Saqqarah ou Sakkara, ao oeste da cidade de Menfis, no Delta, onde estaban enterrados os altos funcionarios. Implantouse entón a mastaba como modelo de tumba, aumentando progresivamente o tamaño e a complexidade. As mastabas son sepulturas escavadas no chan rochoso, sobre as que se constrúe unha sala con muros de ladrillo en noiro, decorados no seu interior con baixorelevos. En xeral constaban de dúas zonas independentes, unha capela funeraria e unha cámara sepulcral. Debaixo da capela situábase a cámara funeraria que, posteriormente, incorporouse ao interior. Ao ser un espazo subterráneo, o acceso á cámara sepulcral realizábase a través dun foso vertical, que atravesaba o túmulo de pedra e era cegado tras o enterramento. O sarcófago co axuar funerario e as ofrendas, indispensables para a vida de ultratumba do defunto, quedaban así protexidas.
Nos seus comezos a estrutura exterior da mastaba era totalmente maciza e a capela encostábase na parte oriental do túmulo. Cando esta quedou incorporada ao interior, a partir da III dinastía, a mastaba converteuse paulatinamente nunha edificación máis complexa. A cámara funeraria multiplicouse en diversas cámaras de ofrendas ata alcanzar un gran número de aposentos.
Nas proximidades das mastabas atopábanse outros cemiterios secundarios. Neles acháronse tumbas de serventes, que foron sacrificados para que seguisen servindo aos seus señores na outra vida. O maior número de mastabas agrúpase en Saqqarah e tamén Gizeh, aínda que no seu desenvolvemento histórico e tipolóxico non presentan unha morfoloxía única e existen múltiples variantes cunha estrutura similar.
A existencia de mastabas perpetúa mesmo despois da morte as diferenzas sociais existentes na sociedade exipcia. En contraste coas pobres construcións funerarias da maioría da poboación exipcia, as mastabas dos funcionarios de alto rango eran verdadeiras mansións funerarias con multitude de cámaras de culto, luxosamente decoradas con pinturas cubrindo os muros. Nelas relatábanse os títulos e dignidades que posuía o defunto e reproducíanse escenas da vida cotiá. Multiplicáronse tamén as estatuas do defunto, repartidas nas cámaras, para que os visitantes puidesen admiralas.
Ningún comentario:
Publicar un comentario
Nota: só un membro deste blog pode publicar comentarios.