25 de outubro de 2025

As Bruxas da Eira das Meigas

As Bruxas da Eira das Meigas

Hoxe o Monte Neme é tristemente famoso polo seu lago azul, onde algún aparvado se mete a bañarse sen saber o que fai, ignorando que esa auga vén de feridas abertas na terra por minas e cobizas recentes.
Pero moito antes diso —cando o alto do monte non era un corte industrial senón un lugar sagrado— existía alí un cromlech, un círculo de pedras antigas que gardaba a memoria dos que falaban coa terra sen necesidade de libros.

Naqueles tempos, a zona non se chamaba “Monte Neme”, senón Eira das Meigas, porque alí vivían mulleres sabias, herdeiras dun saber anterior ás coroas e ás igrexas. Eran as súas gardiás.

As irmás Lúa, Xistra e Brétema eran tres das meigas máis vellas do lugar. Non facían mal, nin buscaban temor: coidaban do cromlech como quen coida a memoria dun pobo enteiro. As pedras, orientadas co vento e co ceo, falaban de tempos anteriores ao ferro e á espada. Mais un día chegaron uns homes que nada sabían desa lingua. Estranxeiros, bárbaros, ou simplemente imbéciles e escuros, subiron pola ladeira armados con machadas, coa intención de levar pedra, abrir camiños e erguer o seu propio mundo sobre as ruínas do outro.

As meigas observaron ocultas entre a néboa. Cando os invasores tombaron o primeiro menhir, as pedras latexaron como corazón ferido. Ao derrubar o segundo, o vento ergueuse. Ao tocar o terceiro, a terra recordou quen era.

Xistra murmurou:
—Non saben o que rompen.

Brétema púxose de xeonllos e pousou a man no chan húmido:
—A Eira das Meigas non esquece.

Foi entón cando chamaron ao que o monte lembraba: raíces, lendas e medo do tempo antigo. A terra tremeu baixo os pés dos bárbaros, as ferramentas esvararon nas gretas, e unha néboa espesa baixou coma animal protector. Os homes fuxiron sen entender, crendo ver pantasmas ou demos onde só había memoria defendéndose.

Cando as meigas baixaron ao cromlech, xa non quedaba círculo, senón restos rotos e silencio. Lúa pasou a man por unha das pedras caídas.

—O sagrado pode perder a forma —dixo—, pero non desaparece.

E así foi. O monte cambiou, racharon as entrañas para roubarlle o ventre e enchérono de auga velenosa. Mais din que baixo o lago azul, onde algún insensato se baña por ignorancia, a Eira das Meigas segue viva, agardando, lembrando, murmurando baixo os pés de quen sabe escoitar.

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Nota: só un membro deste blog pode publicar comentarios.