Cheguei a este libro despois de ver os debuxos animados "Remi, o neno de ninguén", que é unha das varias versións cinematográficas que se fixeron deste emocionante libro (no sentido de emoción de choro) de Héctor Malot, nacido en 1830 en La Bouille (Normandía do norte) que chegou a escribir en torno a 70 libros, sendo principalmente coñecido por este.
Retrata as aventuras dun neno orfo chamado Remi (aventuras non como sinónimo de emocionantes vacacións nalgún lugar paradisíaco e salvaxe, senón como a segunda acepción do diccionario da Real academia galega aclara:Empresa arriscada de resultado incerto) despois de verse arroxado das mans dos seus pais adoptivos por necesidades pecuniarias (dos pais adoptivos) despois de que estes venderan a vaca, cando xa lles quedaba pouco por vender.
Remi, que ten oito anos, pensa que os seus pais son os verdadeiros, e será o primeiro golpe desmentirllo seus pais para tratar de xustificar a súa marcha.
Perdón, o primeiro golpe é a venta da vaca Roussette, á cal lle tiña especial cariño Remi, o que representa unha pasaxe estremadamente dura, amosando xa a implacable historia que nos agarda.
Agora que o penso, tampouco é o segundo golpe, o segundo producese trala volta do seu pai adoptivo a casa, arruinado, despois de pasares moitos anos traballando miseramente en París.
O golpe non e que veña arruinado (digamos que este poderia ser o golpe 2.5, senón queremos que ó que lle chamei primeiro golpe se vexa relegado o cuarto posto), senón cando inmediatamente Remi se decata que o seu pai non o quere.
O caso é que é vendido por corenta francos ó Signor Vitalis, un vello artista ambulante que viaxa con tres cans e un mono realizando actuacións teatrais polas plazas dos pobos, gañando o mínimo que lle permite a el e a súa compañia comer, durmir baixo un teito e amortizar para os gastos da viaxe á vila máis cercana, onde poder actuar ante outros espectadores.
Os primeiros días fáiselle duro esta vida errante e fatigosa ó noso protagonista.Bota de menos a súa nai, dóenlle os pés, e un can (Capi) teno vixilado constantemente para que non intente escapar e retornar a casa.
Pero co tempo vaise acostumando a fatiga, pensa con menos frecuencia na súa nai, ou polo menos comprende que nada pode facer salvo resignarse e seguir adiante; o dono cómpralle uns zocos novos (Vitalis resulta ser un home máis bo e comprensivo do que o soen ser os donos de nenos en xeral) e o can deixa de ter necesidade de vixilalo.
Polo momento non suceden moitas incidencias negativas.Remi aprende a ler, a cantar, a toca-la arpa e a actuar diante do público.Fano en moitos pobos e as cousas parece que van ben.Algúns días dormen debaixo dun palleiro, outros conseguen que algún aldeá lles faga un oco no galpón, ou con sorte algún día de bonanza económica lles permite alugar unha habitación nalgunha pequena fonda.
Ademais sempre dispoñen de pan que levar á boca dúas ou tres veces ó dia.
Pero a constante neste libro é que tras unha boa noticia, veñen dúas malas.Neste caso, unha discusión cun xendarme en Toulouse (Mediodía-Pirineos) que esixía que os cans levasen bozais, o Signor Vitalis desobedecendo a orde (non quero que pareza isto maldade ou insolencia, pois estou sintetizando moito a contienda e queda polo camiño moita información que xustificaría este inciso), dándolle un puño tamén, acaba na cadea dous meses.
O noso protagonista vese na rúa sen o seu titor, o cal era xa coma un pai para el.¡Que responsabilidade para Remi ter que coidar de Capi, Zerbino, Dulce e o mono Corazón-Fermoso! ¡E que responsabilidade consigo mesmo!
Descorazonado, perdido e entristecido pola noticia, sérvese das palabras de Vitalis que constantemente lle repitía, sumando a isto a súa osadía e valor:
"¡Sigue adiante, sempre adiante!"
"¡Nunca mires atrás!"
"¡Non te rindas!"
"Unha persoa chega á madurez cando aprende a vivir sen depender dos demais"
"Loita por vivir e non te canses"
"¡Continua sempre adiante!"
...
E ata aquí podo contar.
Mais avatares e infortunios lle ocorrirán o noso intrépido protagonista.
Pero tamén virán felices momentos e xenerosas casualidades do destino, merecidas só para quen soubo continuar sempre adiante, sen mirar atras, sobrevivindo á tristeza.
**********
En canto ás prometidas pistas sobre o libro oculto da semana pasada, e aínda que me parece abraiante que os cultivados lectores deste fecundo e prolífico blog aínda non deran coa solución:
O autor naceu en Salamina.
O nome da protagonista coincide co título da obra.
En canto ás prometidas pistas sobre o libro oculto da semana pasada, e aínda que me parece abraiante que os cultivados lectores deste fecundo e prolífico blog aínda non deran coa solución:
O autor naceu en Salamina.
O nome da protagonista coincide co título da obra.
Ningún comentario:
Publicar un comentario
Nota: só un membro deste blog pode publicar comentarios.