A escultura exipcia no Imperio Novo.
Durante o Imperio Novo, Exipto, a partir das conquistas militares, entra definitivamente en contacto co mundo asiático, iniciándose uns estreitos vínculos culturais que enriquecen a produción artística. O ímpeto construtor deste período orixina un gran desenvolvemento da estatuaria. Créanse figuras descomunais, chamadas colosos, que se instalan no exterior dos templos. Considerábaseos intermediarios entre o mundo divino e o mundo terreal, polo que existían numerosas reproducións en miniatura, que tiñan a función de amuletos ou ídolos e que, grazas ao seu pequeno tamaño, podíanse transportar facilmente. Os colosos seguen as tipoloxías da estatuaria exipcia, sedente ou de pé, nese caso portaba os atributos clásicos do deus Osiris: brazos cruzados sobre o peito co flaxelo e o báculo, o manto tallar e os pés xuntos. Adoitábanse instalar en grupos de dous ou de catro. Os colosos máis coñecidos atópanse en Tebas, chamados desde a época grega Os colosos de Memnón. Formaban parte do templo de Amenofis III, pero, os sucesores do faraón desfixeron o templo e quedaron illados como un par de titáns solitarios no medio da paisaxe. Representan a Amenofis III sentado no trono. Aos lados das pernas hai pequenas esculturas de figuras femininas, que representan á esposa e nai do faraón.
Os catro colosos que flanquean a entrada no speo de Ramsés II en Abu Simbel (na fronteira con Nubia) están tallados na parede rochosa. Constitúen unha fachada xigantesca de vinte metros de altura, na que o faraón sedente custodia a entrada.
Ningún comentario:
Publicar un comentario
Nota: só un membro deste blog pode publicar comentarios.