7 de agosto de 2013

Fragmento de Arraianos, de Xosé Luis Méndez Ferrin.

Texto de Xosé Luís Méndez Ferrín, nado en Ourense o 7 de agosto de 1938.

15 de setembro 

Meu querido tío:

De acordo coas súas instruccións, dispóñome a polo ao corrente das particularidades da miña chegada a este termo municipal de Nigueiroá e, máis exactamente, ao vilar de Lobosandaus, onde radica tanto a capitalidade do Concello canto a escola unitaria á que accedín en propiedade grazas á paternal protección e munificencia de Vde.

Sito na caeira da chamada Serra Grande, Lobosandaus élle un núcleo de poboación de cen veciños que me produciu unha forte impresión. Silencioso, o sol oblícuo deste remate de verao dálle un carácter mediterráneo, seco, lúcido. O seu campo da feira é unha devesa de carballos varias veces centenarios: aséntase sobre un socalco e faille contorno unha grade de fundición con dous floróns fabricados por Malingre, imitantes dos da Alameda de Ourense.

...

6 de agosto de 2013

Inicio de O Museo de Cera

O Museo de Cera
FRANCISCO UMBRAL

Convídanme a dar unha conferencia no Museo de Cera. Aínda que a idea pareza de Ramón, non é miña. O que pasa é que a un lle suxiren xa ideas ramonianas.Non vou dar unha conferencia estática, senón a facer de guía sonámbulo para visitantes, ensaiando un paseo e lección para mortos entre osvivos do Museo de Cera, que algúns até se moven, respiran, viran os ollos, e a Franco, mágoa, só faltou que lle puxesen á beira o motorista dos cesamentos. 
O museo, que nunca visitara antes, ten un clima de teito baixo e unha luz feita de sombras que, no xogo de espellos do seu labirinto, parece incluírnos nun conto de Borges, dun Borges madriles e un pouco feiral, pero alucinóxeno...

5 de agosto de 2013

Unha frase para empezar a semana

Recolle a un can que anda morto de fame, cando engorde non vos morderá. 
Esa é a diferenza máis notable entre un can e un home. 

Mark Twain 

4 de agosto de 2013

AFONSO X [B 492 / V 75]

AFONSO X [B 492 / V 75]

De grado quería ora saber
destes que tragen saias encordadas,
en que s'apertan mui poucas vegadas:
se o fazen polos ventres mostrar,
porque se devan deles a pagar
sas senhores, que non teen pagadas.

Ai Deus!, se me quisess'alguén dizer
por que tragen estas cintas sirgadas
muit'anchas, come molheres prenhadas:
se cuidan eles per i gaanhar
ben das con que nunca saben falar,
ergo nas terras se son ben lavradas.

Encobrir non vo-lhas vejo fazer,
cõnas pontas dos mantos trastornadas,
en que semelhan os bois das ferradas,
quando as moscas-los veen coitar;
nen se cuidan per i d'enganar
que sejan deles por én namoradas.

Outrossí lhis ar vejo i trager
as mangas mui curtas e esfraldadas,
ben come se adubassen queijadas
ou se quisessen tortas amassar;
ou quiçá o fazen por delivrar
sas bestas, se fossen acovadadas.

3 de agosto de 2013

2ª Parte de 20.000 leguas de viaxe baixo os mares (XXV)

7. O mediterráneo en corenta e oito horas 

O Mediterráneo, o mar azul por excelencia, o «gran mar» dos hebreos, o «mar» dos gregos, o mare nostrum dos romanos; bordeado de laranxos, de áloes, de cactos, de piñeiros marítimos; embalsamado polo perfume dos mirtos; rodeado de montañas; saturado dun aire puro e transparente, pero incesantemente axitado polos lumes telúricos, é un verdadeiro campo de batalla no que Neptuno e Plutón dispútanse aínda o imperio do mundo.
Nel, nas súas augas e nas súas beiras, dixo Michelet, o home se revigoriza nun dos máis poderosos climas da Terra. Pero apenas me foi dada a oportunidade de observar a beleza desta conca de dous millóns de quilómetros cadrados de superficie. Tampouco puiden contar cos coñecementos persoais do capitán Nemo, pois o enigmático personaxe non apareceu nin unha soa vez no salón durante unha travesía efectuada a gran velocidade.
Estimo nunhas seiscentas leguas o camiño percorrido polo Nautilus baixo a superficie do Mediterráneo e nun tempo de corenta e oito horas. Abandonaramos as paraxes de Grecia na mañá do 16 de febreiro e ao saír o sol o 18 xa atravesaramos o estreito de Xibraltar. Foi evidente para min que ese mar, cercado por todas partes pola terra firme da que fuxía, non agradaba ao capitán Nemo. As súas augas e as súas brisas debían traerlle moitos recordos e talvez pesadumes. No Mediterráneo non tiña esa liberdade de marcha e esa independencia de manobras que lle deixaban os océanos, e o seu Nautilus debía sentirse incómodo entre as costas demasiado próximas de áfrica e de Europa. Navegamos, pois, a unha velocidade de vinte e cinco millas por hora, o que equivale a doce leguas de catro quilómetros. Obvio é dicir que Ned Land, moi ao seu pesar, debeu renunciar aos seus proxectos de evasión, na imposibilidade de servirse dun bote levado a unha marcha de doce ou trece metros por segundo. Saír do Nautilus nesas condicións sería unha cousa tan imprudente como saltar en marcha dun tren a esa velocidade. Ademais, o noso submarino non emerxeu á superficie máis que pola noite, a fin de renovar a súa provisión de aire, confiando a dirección do seu rumbo ás soas indicacións do compás.
Do interior do Mediterráneo puiden ver tan só o que lle é dado presenciar ao viaxeiro dun tren expreso da paisaxe que foxe ante os seus ollos, é dicir, os horizontes afastados, e non os primeiros planos que pasan como un lóstrego. Con todo, Conseil e eu puidemos observar algúns deses peixes mediterráneos que pola potencia das súas aletas conseguían manterse algúns instantes nas augas do Nautilus. Permanecemos moito tempo á espreita ante os cristais do salón, e as nosas notas permítenme agora resumir en poucas palabras a nosa visión ictiolóxica dese mar. Dos diversos peixes que o habitan, sen falar de todos aqueles que a velocidade do Nautílus fartou aos meus ollos, podo dicir que vin algúns e apenas entrevín outros.
Permítaseme, pois, presentalos nunha clasificación que será caprichosa, sen dúbida, pero que, polo menos, reflectirá con fidelidade as miñas rápidas observacións. Entre as augas vivamente iluminadas pola nosa luz eléctrica serpenteaban algunhas lampreas, dun metro de lonxitude, comúns a case todas as zonas climáticas. Algunhas raias de cinco pés de ancho, de ventre branco e dorso gris cinza con manchas, evolucionaban como grandes chales levados pola corrente. Outras raias pasaban tan rapidamente que non puiden recoñecer se merecían ese nome de aguias que lles deron os gregos, ou as cualificacións de rata, de sapo ou de morcego que lles dan os pescadores mariños. Escualos milandros, de doce pés de lonxitude, tan temidos polos mergulladores, competían en velocidade entre eles. Como grandes sombras azuladas vimos raposas mariñas, animais dotados dunha extremada finura de olfacto, duns oito pés de lonxitude. As douradas, do xénero esparo, mostraban os seus tons de prata e de azul cruzados por franxas que contrastaban co escuro das súas aletas; peces consagrados a Venus, co ollo engastado nun anel de ouro; especie preciosa, amiga de todas as augas, doces ou salgadas, que habita ríos, lagos e océanos, baixo todos os climas, soportando todas as temperaturas, que remonta as súas orixes ás épocas xeolóxicas da Terra e conserva a beleza dos seus primeiros días. Magníficos esturións, de nove a dez metros de longo, dotados de gran velocidade, golpeaban coa súa cola poderosa os cristais do noso observatorio e mostrábannos o seu lombo azulado con manchas marróns; parécense aos escualos, pero sen igualar a súa forza, con todo; atópanse en todos os mares, e na primavera remontan os grandes ríos, en loita contra as correntes do Volga, do Danubio, do Po, do Rin, do Loira, do Oder... e aliméntanse de arenques, caballas, salmóns e gádidos; aínda que pertenzan á clase dos cartilaxinosos, son delicados; cómense frescos, en salgadura, escabechados, e, noutro tempo, eran levados en triunfo ás mesas dos Lúculos.

2 de agosto de 2013

AFONSO X [B 491 / V 74 e 74a]

AFONSO X [B 491 / V 74 e 74a]

O genete
pois remete
seu alfaraz corredor:
estremece
e esmorece
o coteife con pavor.


Vi coteifes orpelados
estar mui mal espantados,
e genetes trosquiados
corrían-nos arredor;
tiinhan-nos mal aficados,
ca perdían-na color.

Vi coteifes de gran brío
eno meio do estío
estar tremendo sen frío
ant'os mouros d'Azamor;
e ía-se deles río
que Auguadalquivir maior.

Vi eu de coteifes azes
con infanções siguazes
mui peores ca rapazes;
e houveron tal pavor
que os seus panos d'arrazes
tornaron doutra color.

Vi coteifes con arminhos,
conhocedores de vinhos,
que rapazes dos martinhos,
que non tragían senhor,
saíron aos mesquinhos,
fezeron todo peor.

Vi coteifes e cochões
con mui máis longos granhões
que as barvas dos cabrões:
ao son do atambor
os deitavan dos arções
ant'os pees de seu senhor.